Emprendendo e aprendendo: viaxe a Cangas

Os nenos de 4.º de primaria están a traballar nun proxecto chamado “Espírito Emprendedor”, no que coñecen e analizan o traballo necesario para montar unha empresa dende os seus inicios. O que para moitas persoas se traduce en facer realidade un soño.

Con motivo deste proxecto, desprazámonos ata Cangas, os veciños de en fronte, para coñecer de primeira man dúas firmas que levan o seu traballo por bandeira: Rinoceronte Editora e Saias Ledas.

Foi unha mañá moi fría, pero acompañounos o sol  en todo momento. O autobús fixo a primeira parada en Rinoceronte Editora. Alí recibiunos Moisés Barcia, o encargado de organizar a un conxunto de tradutores e editores que traducen moreas de libros ao galego e a outros idiomas.

Explicounos todo o proceso e foinos levando por cada unha das estancias da editorial. Rematamos no almacén, onde puidemos ver cal é o triste final dos libros que non se venden: a trituradora.

Os nenos fixéronlle preguntas sobre o seu traballo e sobre as preferencias dos lectores, entre outras.

Dixemos adeus aos libros e dirixímonos camiñando polas rúas de Cangas ata a tenda de Gloria, non sen antes facer unha parada para merendar na Alameda, cun fermoso  fondo.

Nada mais entrar, démonos de conta da dedicación e o cariño que pon ao seu traballo. As pezas de roupa estaban colocadas dun xeito moi preciso. O pequeno espazo co que conta está dividido en dúas partes; por unha banda, o obradoiro onde realiza as fermosísimas pezas que deseña ou deseñan os clientes, e por outra, está a zona cara ao público, onde se atopa tamén o vestidor e unha exposición de cerámica galega.

Comezamos preguntándolle como é o seu día a día, e moi amablemente comeza a cortar unha tea para unha saia a modo de exemplo do seu traballo. A remalladora, a máquina de coser, o xiz de tea, as tesoiras… unha serie de ferramentas que emprega a diario no seu taller. Deseguido preguntámoslle sobre os seus deseños e o porqué do nome da tenda, entre outras cuestións.

Chámanos a atención unha colección de dedais que ten debaixo do mostrador. Unha auténtica marabilla!

Despedímonos de Gloria e da súa arte e rematamos a nosa mañá en Cangas visitando a praza de abastos.

E aínda nos quedou tempo para xogar no parque.

Dende logo, unha mañá completa de todo. Natureza, cultura, moda, gastronomía…

Comments are closed