A árbore de Nadal dos nosos maiores

A propósito da chegada do Nadal, desde as materias de plástica e de valores éticos, o noso alumnado da ESO decidiu traballar o tema da reciclaxe, co que están moi concienciados, e crear así unha grande árbore de Nadal.

Todo o centro educativo colaborou reciclando botellas, briks, tapóns, etcétera, e ademais destes materiais de refugallo tamén trouxemos das nosas casas CD inservibles, entre outros materiais. Ademais de participar na actividade reciclando, os máis pequenos tamén participaron ensartando la de cores nos tapóns, para crear unhas grilandas. E despois foron os encargados de colocar os seus adornos.

No momento da montaxe, os ventos da cicloxénese Ana chegaron á nosa cidade e tamén ao noso colexio, e a nosa árbore quedou un chisco retorta. Pero segue en pé, como unha campioa. As 160 botellas, as 60 cápsulas de café, os 100 tapóns, os 50 briks, os 30 CD… e todo o traballo e agarimo que lle puxemos, soportaron os ventos para demostrar que Reducir, Reutilizar e Reciclar non é un enredo, senón un traballo de todos.

Agradecemos a colaboración das familias, do alumnado e do profesorado, por implicarse unha vez máis nunha das nosas actividades. Todos arrimamos o ombro para que a nosa árbore de Nadal, realizada con material de reciclaxe, lucise no patio.

Desexamos que pasedes unhas BOAS FESTAS.

Comments are closed