A creatividade e a expresión plástica do noso alumnado

Entre as materias que máis gustan ao alumnado, tradicionalmente atópase a plástica, xa que é unha canle na que se manipulan materiais do máis diversos co propósito de crear, acadando a súa expresión libre.

O debuxo é unha das técnicas que máis se traballan, xa dende a etapa de Educación Infantil, dada a súa importancia, pero non é a única. Caracterízase por ser un medio de comunicación e expresión esencial, posto que grazas a el, o alumnado é quen de falar e transmitir emocións  que as veces mesmo non sería capaz de expresar con palabras. Os trazos que empregan, as cores, as formas, a localización das figuras no papel…son moitos os elementos desta linguaxe silenciosa, pero efectiva. E só nos queda abraiarnos ante a beleza dun debuxo infantil que nos conta o seu mundo, mesmo as preocupacións e inquedanzas.

Nestes días recollemos diversos exemplos disto. Un deles, moi significativo, é o que, utilizando o espello do conto de Brancaneves como marco, da resposta a unha pregunta moi simple e complexa de contestar…”Debuxa como non queres ser” E aquí tedes a mostra, unha verdadeira lección de comunicación de sentimentos e preocupacións nun pequeno e marabilloso debuxo que fala por si so. Grazas por compartilo connosco Massi!

Debuxo elaborado por Massimo – 1º E.P.

Pero grazas ao debuxo, ademais de expresarnos, podemos relaxarnos cos mandalas, asentar coñecementos dos distintos contidos curriculares, e mesmo iniciarnos na perspectiva tridimensional con elementos do día a día, como poden ser os videoxogos, tal como podedes comprobar a continuación.

Debuxos de Gabriel. 4º EP

Outra das técnicas plásticas que máis gustan é a pintura, mesmo o noso alumnado se atreve a amosar os seus avances coa pintura en lenzo. E quedan encantados co resultado. Non é para menos. Parabéns!

Pinturas en lenzo e manualidades Hamma beads de Ainhoa – 4º E.P.

Pese a todo, gañando cada vez máis adeptos, especialmente tras estes meses de confinamento, están as  manualidades. Grazas a elas, é posible a expresión plástica mediante o uso de materiais moi diversos, procedentes mesmo da reutilización de materiais de refugallo, coas correspondentes vantaxes non só para o medio ambiente, senón tamén para a creatividade e desenvolvemento da imaxinación do alumando. Aquí tedes unha pequena mostra do realizado, que vai dende monstros de plastilina, a animais mariños, pasando por personaxes de conto tan coñecidos coma os sete ananos de Brancaneves ou foguetes espaciais. Todo feito con moita ilusión e agarimo polo noso alumnado no marco dos proxectos que se están traballando durante estas semanas.

Manualidades con material de refugallo

Creacións do “Proxecto animais” “Paso do tempo” e “O Universo”

As nosas creacións plásticas

O resultado non pode ser máis positivo. O alumnado está a mellorar cada día as súas capacidades plásticas e expresivas, e afianzando un pouco máis a confianza en sé mesmo e nas propias capacidades, aspectos esenciais para o desenvolvemento dunha autoestima sana.

Comments are closed