Certame Lingua de Namorar 2018

A nosa prezada alumna Uxía Martínez Cabadas vén de gañar o 3.º premio do concurso Lingua de Namorar, concurso en liña de mensaxes de amor en lingua galega, convocado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e pola Dirección Xeral de Xuventude.

O día 14 de febreiro no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, onde se expón actualmente unha das xoias da lírica amorosa medieval galega, o Pergamiño Vindel, foi a entrega dos premios.

Gustounos o acto, que incluíu tamén unha visita guiada ao Pergamiño Vindel.

Uxía estivo moi contenta e quedou con ganas de máis.

Uxía é a que está no centro, a máis alta.

Parabéns, Uxía, de parte de todo equipo educativo do noso centro, porque cando ti gañas, nós tamén.

Aí vai a composición gañadora, para o voso lecer e para que vos animedes a participar.

3.º premio: Amor adiantado, de Uxía Martínez Cabadas (Vigo, Pontevedra)

Se importa máis etiquetar nunha foto dun “Quérote”, en vez de dicilo; se importa máis unha cariña sorrinte, que un aloumiño na mesma face; se o que importa é contestar rápido ás mensaxes… Eu négome! Volvamos poñer os escritos de moda, as cancións dedicadas e os bicos baixo a choiva. Namoremos. Seica non necesitamos tanto adianto.

Comments are closed