Contacontos: Pegadas de conto

Este ano participamos na campaña Impórtanos, que ten como obxectivo promover a reflexión e o compromiso de todas e de todos para conseguir un mundo máis xusto e sustentable.

A literatura que todo o pode foi a protagonista da xornada de hoxe. Nesta ocasión foi a literatura oral, da man dos contadores de historias Bea Campos e Manuel Pombal.

O público que gozou desta sesión de contacontos foi o noso alumnado de educación infantil e de 1.º de educación primaria.

Nestes días previos, leron os contos na aula e coñeceron os personaxes, debuxáronos, traballaron con pintura de dedos e ata crearon arte empregando amorodos, cenorias e outras hortalizas. E hoxe foi o gran día: puideron escoitar os contos narrados e cantados polos nosos convidados.

Foi unha sesión estupenda, na que aprendemos, escoitamos, cantamos e rimos. Que máis podemos pedir!

Se queredes escoitar un anaquiño do que vivimos nesta mañá, podedes premer nesta ligazón: dez dedos nas mans e dez dedas nos pés.

Só nos queda agradecer que nos deixasen participar nesta campaña para sementar futuro.

 

Comments are closed