Contos de Papel

A semana pasada tivemos a visita de Bicos de Papel, asociación, sen ánimo de lucro, que nos veu falar do seu labor cos nenos e as familias que están vivindo a loita contra o cancro infantil. Esta é unha asociación sostida grazas ao traballo de persoas voluntarias.

Estivo con nós Germán, máis coñecido por todos os cativos como o Señor Gravata TorLa, contador de contos, ademais de colaborador da asociación. Veu con el María, unha voluntaria. Eles dous contáronnos o seu principal obxectivo: que desapareza algún día esta asociación, o que querería dicir que xa non habería máis nenos enfermos de cancro, nin familias sufrindo con eles… Pero isto leva un gran traballo, polo que é necesaria a axuda de todos, tanto por parte de profesionais como dos voluntarios, e sobre todo económica.

O Señor Gravata TorLa contounos historias moi divertidas, coma a do pingüín perdido e axudado por un neno, ou a historia dun valente pirata, chamado Vadim, que aborda o tema do cancro infantil con moita imaxinación. Cantamos e contamos con el. E tamén vimos un emocionante vídeo dos valentes piratas que están á abordaxe…

Pasamos unha tarde moi divertida e coñecemos máis sobre esta asociación.

Moitísimas gracias pola vosa visita e moitos Bicos de Papel.

 

 

 

Comments are closed