Día das Letras Galegas 2018

Este ano o Día das Letras Galegas dedícase a María Victoria Moreno, profesora, escritora e defensora da nosa lingua e a nosa cultura.

Ao longo do mes de maio, demos a coñecer nas aulas información relevante sobre esta autora: a súa vida, as linguas que falaba, a importancia da súa obra, etcétera. A seguir, o alumnado trasladou a formato mural toda esta información. Gústanos sempre potenciar a capacidade artística dos nosos alumnos e alumnas, xa que é un dos seus puntos fortes.

Xa cos murais rematados, expuxémolos para que toda a comunidade educativa puidese ver o resultado.

E o mural máis fermoso sempre é o dos alumnos e alumnas de infantil. Que opinades?

Todos os anos, ademais do concurso de murais, organizamos un concurso de contos para o alumnado da ESO e para os maiores de primaria. Este ano ata houbo problemas no xurado para decidirse polos títulos gañadores.

E chegou o día 16 de maio. Xuntámonos no patio o alumnado, profesorado e persoal de servizos para homenaxear a María Victoria Moreno. Contamos cuns presentadores únicos para guiar este encontro, Diego, alumno de 4.º da ESO, e Laura, alumna de 2.º da ESO.

Os presentadores

Leron para todos nós a biografía da homenaxeada e uns anacos das súas obras.

A continuación fixeron a entrega de premios dos murais.

E a seguir a entrega de premios das redaccións.

Así rematamos a xornada de celebración do Día das Letras Galegas. Nós, pola nosa parte, intentaremos que todos os días sexan das letras galegas. E como dixo María Victoria Moreno:

As persoas estamos feitas para levar adiante os proxectos máis fermosos.

Comments are closed