Día do Libro (1.ª semana)

O día 23 de abril celébrase o Día Internacional do Libro. No Quiñones de León tamén lles quixemos render unha homenaxe aos libros, xa que nos permiten viaxar e soñar, ademais de facernos libres.

Este ano decidimos dividir esta celebración en dúas semanas. A primeira semana estivo dedicada aos máis pequenos do colexio, cos que fixemos unhas actividades de animación á lectura.

Así o alumnado de infantil tivo a sorte de contar cunha experta contadora de historias: Isabel. Isabel levou unha presada de contos e os nenos e as nenas foron escollendo os que máis lles apeteceron. Gozaron moito con algunhas historias como Sacapenas, da Editorial Kalandraka, ou A voda dos ratos, de Oqo Editora.

Despois de escoitar as historias, fixeron uns marcapáxinas e tamén prepararon cadanseu quitapenas.

Os grupos de 1.º e 2.º de primaria foron acompañados pola contadora de historias Carmen. Ela escolleu para celebrar esta data dúas historias que lle gustan moito: Elmer, que este ano fai trinta anos, e A que sabe a lúa?

Tras escoitar estas magníficas historias, as nenas e os nenos decoraron un Elmer e tamén fixeron un marcapáxinas dedicado a Elmer.

E para rematar esta primeira semana, o grupo de 3.º de primaria tivo a sorte de estar acompañado por Portal, que, ademais de ser unha gran contadora de historias, é unha artista co papel.

Portal foilles contando unhas historias e a un tempo ía creando os personaxes con papel, amosando a facilidade que ten coa arte do origami. Ao rematar a sesión, o alumnado tamén aprendeu a sinxeleza desta arte. Cando un ten un bo mestre, que sinxelo é todo!

A segunda semana de celebración do Día do Libro estará dedicada aos maiores de primaria, e xirará ao redor do escritor Jules Verne e os seus inventos. Moi pronto poderedes gozar coas imaxes destas sesións!

 

 

Comments are closed