EduCANdo con Malibú

Hoxe tivemos unha fermosa mañá no Quiñones de León. Estivo co noso alumnado de educación primaria Malibú, unha cadela que foi rescatada do abandono. Na actualidade vive na Casa Grande de Xanceda.

Malibú fíxose profesora e agora visita os colexios galegos para falarlles aos nenos e ás nenas da necesidade de ser responsables no coidado dos animais.

A charla foi moi animada. Adriana, a amiga de Malibú, explicounos como se coñeceron, falamos sobre o cariño que se lles colle aos animais, sobre a esterilización destes, o uso do chip, sobre a necesidade de educalos e de coidalos. Tamén vimos varios vídeos sobre o abandono de animais ou as canceiras, algúns reais e outros extraídos de películas infantís. Adriana e Malibú adaptaron a información segundo a idade do alumnado.

Ademais de falar, tamén fixeron algún xogo cos nenos e coas nenas, para que se decatasen das cousas que precisan os cans (comida ou un lugar para acubillarse), e tamén aprendemos que hai que recoller os excrementos das nosas mascotas.

Tras a charla, Malibú quixo comprobar todo o que aprenderan os nenos e as nenas, e foilles preguntando sobre o que se explicara. Por suposto, o noso alumnado estivo a altura e soubo responder con éxito a todas as preguntas.

Como gran profesora que é Malibú, ao finalizar as sesións, repartiu uns diplomas de expertos en animais felices.

E, para rematar, todos os que quixeron se achegaron a Malibú para darlle un aloumiño.

Esta foi unha xornada chea de sentimentos, na que os nosos nenos e as nosas nenas compartiron historias de animais e amosaron o gran corazón que teñen.

Desexamos poder repetir esta experiencia o próximo curso. Grazas, Malibú e Adriana!

Comments are closed