Galego in Wales

Desde o departamento de inglés, quixemos tamén celebrar o Día das Letras Galegas. E non atopamos mellor forma que investigando o alcance que ten a lingua galega fóra das nosas fronteiras.

E foi así como descubrimos o Centro de Estudos Galegos na Universidade de Bangor, Gales.

Co apoio da Xunta de Galicia, e sendo un centro líder mundial no seu campo, ten como obxectivo promover e consolidar a investigación e a ensinanza dos estudos galegos no País de Gales, no Reino Unido e no resto do mundo. Recibe a toda aquela persoa que estea interesada en coñecer a nosa lingua, a nosa cultura e o noso bo facer.

Pero ademais, está dirixido pola viguesa Helena Miguélez-Carballeira, licenciada en filoloxía inglesa pola Universidade de Vigo, doutora en filoloxía hispánica pola Universidade de Edimburgo e actualmente profesora titular de Estudos Hispánicos na Universidade de Bangor.

Puxémonos en contacto con ela para realizar a actividade vía skype. E a súa resposta foi un si cheo de entusiasmo.

Preparamos previamente as preguntas (elaboradas en inglés e en galego) ao redor da información tanto do centro de estudos como da traxectoria de Helena.

Falounos da súa experiencia cos estudantes galeses, confesounos que se pon nerviosa cada vez que comeza unha clase, pero que logo goza moito. Ademais, deunos algúns datos numéricos, como as idades dos estudantes, ou a cantidade deles que se matriculan no centro. Soubemos tamén como reaccionaron a súa familia e amigos ao decatarse do proxecto no que se embarcaba. E mesmo a escoitamos falar galés, lingua que está aprendendo actualmente.

Contounos como foi o proceso de creación do seu libro máis vendido, Galiza, um povo sentimental? Género, política e cultura no imaginário nacional galego, gañador do premio ao mellor ensaio escrito en galego en 2015.

Quedamos sorprendidos, entre outras cousas, cos materiais, tanto impresos como audiovisuais, que alberga a biblioteca do centro (entre eles un polbo galego), coa cantidade de idiomas que alí falan e co interese dos estudantes por aprender a nosa lingua. E incluso celebran o magosto e outras festividades galegas.

Pero sobre todo, o que Helena nos amosou foi a ilusión e o entusiasmo co que realiza o seu traballo, a súa profesionalidade e a paixón polo que fai.

 

Todos gozamos coa actividade, tanto Helena coma nós. E convidámola a visitar o noso centro e coñecela máis de preto en próximas visitas que faga a nosa/súa cidade.

Comments are closed