Minichefs Quiñones presenta: filloas de Entroido

Onte os nosos leonciños de 3 e 4 anos convertéronse en cociñeiros expertos. Aproveitamos que xa viñamos vestidos co mandil que nos mandou traer o meco, e as datas de Entroido nas que nos atopamos para preparar en equipo un doce típico galego destas festas: as filloas.

A cociña é unha fonte estupenda de coñecementos, valores e diversión, así que nos puxemos mans á obra. Primeiro, falamos do máis esencial antes de comezar a cociñar: a hixiene. Lavamos ben as mans con xabón e descubrimos por que temos que facelo. Mirade que limpas nos quedaron:

 

Despois traballamos o desenvolvemento da nosa linguaxe e vocabulario. Coñecemos o nome dos materiais da cociña e de todo o que precisamos para facer a nosa receita; sen esquecer a orixe de cada ingrediente, así como o son que fan os diversos animais que nolos proporcionan.

Con todo xa preparado, antes de comezar a traballar, aproveitamos para practicar a motricidade dos nosos pulsos manexando o batedor.

E mans á obra. Primeiro escachamos os ovos con arte e sen medo. A continuación, todos traballamos para que quedasen ben batidos. Despois, por quendas, fomos incorporando o resto dos ingredientes ata ter ben preparada a masa base. Finalmente, untamos a manteiga para que non se apegasen as filloas. E só quedaba agardar a que se fixesen.

As filloas de Entroido pódense tomar acompañadas con mel, nata, azucre… pero, como nós somos ben lambereteiros, preferimos probar o resultado do noso traballo con xarope de amorodo e de chocolate. Ummm quedaron deliciosas! E pasámolo xenial!

Aquí tedes a receita, por se vos animades a practicar con eles estes días de Entroido a cociña na casa. Bo proveito!

Filloas de Entroido

Ingredientes

– 500 ml de leite.

– 3 ovos.

– 200 g de fariña.

– 1 cullerada de azucre.

– Un chisco de sal.

– Manteiga.

Procedemento

Nunha cunca, mesturar todos os ovos, o leite, o sal, o azucre e a fariña ata formar unha masa homoxénea. Quentar unha tixola e untala con manteiga. Verter unha pequena cantidade da masa e espallar pola tixola ata formar unha fina capa. Darlle a volta cando adquira consistencia de torta e cociñar polo outro lado.

Servir soas ou acompañadas de mel, azucre, nata ou xaropes ao gusto.

Comments are closed