Nós tamén creamos!

Estamos moi emocionados no Quiñones de León porque nos concederon desde a Xunta de Galicia a posibilidade de participar no Plan Proxecta: Nós tamén creamos!

A clase seleccionada para levar a cabo o proxecto é 2.º de primaria que, coa axuda dun grupo de profesores do colexio, van transformar un conto nunha curtametraxe.

Xa no mes de novembro tivemos o primeiro contacto co proxecto. Tivemos unha primeira reunión cun traballador da editorial Oqo que nos trouxo unha morea de libros para que llelos lésemos aos nenos e escollésemos un.

Tamén nos amosou diferentes xogos visuais, os precursores do cinema.

E amosounos algúns personaxes de vídeos en stop motion realizados por eles.

Para rematar este primeiro encontro, traballamos un chisco cun programa de edición de vídeos, para írmonos familiarizando co traballo que imos ter que levar a cabo.

Seguiremos amosándovos os avances deste proxecto tan ilusionante tanto para o alumnado como para o profesorado, moi implicado co uso das novas tecnoloxías e de metodoloxías actuais que fagan máis motivador o proceso de ensino-aprendizaxe.

 

 

Comments are closed