O alumnado de 3º da ESO visita as Illas Cíes

Onte o alumnado de 3.º da ESO realizou unha visita educativa ás Illas Cíes, dentro das actividades programadas no marco do proxecto “Planeta Cíes” no que están a participar. O seu obxectivo é apoiar a candidatura das nosas illas a Patrimonio da Humanidade.

Despois de coñecer e traballar na clase as unidades didácticas que nos achegou a organización, e de participar nun concurso de cuestións sobre elas, como xa vos contamos en entradas anteriores, chegou por fin o momento de coñecer máis de preto ese tesouro que temos na entrada da Ría de Vigo, de mans de guías profesionais.

Xuntámonos nas gradas da estación marítima do Naútico con moitos outros alumnos de 3.º e 4.º da ESO dos diferentes centros de Vigo, que están a participar nesta iniciativa social e educativa. Alí, os organizadores, logo de explicarnos o programa do día, entregáronnos as pasaxes para o barco, ademais dunha gorra identificativa.

Cando xa estaba todo disposto, o alcalde de Vigo, D. Abel Caballero, realizou a correspondente posta en marcha da actividade, na que se evidenciou o respaldo da comunidade educativa ao proxecto, e se escenificou de xeito a petición de que as Cíes sexan Patrimonio da Humanidade.

Participantes do “Planeta Cíes” respaldando a candidatura das illas a Patrimonio da Humanidade.

Algúns dos nosos alumnos e alumnas non deixaron pasar a oportunidade de pedirlle unha sinatura ao alcalde.

Abel Caballero co noso alumnado

 

 

 

 

 

 

 

Durante o traxecto en barco, o tempo parecía que empeoraba e nin se vía a contorna das illas, pero, en canto chegamos, como por arte de maxia, deixou de chuviscar, o que nos permitiu gozar do día.

Cando desembarcamos, Breo, o noso guía, presentounos os integrantes do equipo do centro Carlos Casares, cos que compartimos a xornada.

Chegada ao peirao de Cíes

Comezo da nosa aventura

 

 

 

 

 

 

 

Despois de darnos as primeiras pinceladas sobre a importancia do lugar onde estabamos, e recordar as normas que debiamos respectar, comezamos o noso percorrido guiado cara ao Faro da Porta, un dos dous faros  que se atopan na cara sur da illa do medio, tamén coñecida como Illa do Faro.

Polo camiño, o noso guía, dun xeito ameno e divertido, repasou e ampliou conceptos xa traballados na clase, e nas unidades didácticas, tanto de contidos de bioloxía, como de historia, ou toponimia; mesmo de curiosidades “tipo salseo” das illas.

Así aprendemos, entre outras moitas cuestións, o valor das illas como contorna natural, o prezo que teñen as casas á venta na illa, quen vive nela de xeito permanente, o por que de a pesar de non ter xardiñeiro, todas as árbores teñen a mesma altura, cales son as especies máis significativas da illa, e mesmo detalles dos episodios históricos máis sinalados do enclave no que nos atopabamos, todo isto xunto cun amplo etcétera que fomos desgranando nas diversas paradas e puntos de observación, nos que nos detivemos durante a nosa andaina.

A medida que avanzamos cara ao faro, non só se despexaron dúbidas da nosa cabeza, tamén as nubes foron esvaecéndose do ceo, e puidemos gozar das inigualables vistas da “porta” que dá nome ao faro, e que non é outra que a separación entre esta illa e a de San Martiño, que é a situada máis ao sur.

Todo, sen esquecer a sonora benvida das gaivotas que, en plena época de cría, nos avisaban dende a marxe do camiño para que non nos achegásemos de máis aos seus niños.

Gaivota patiamarela no niño

Alumnas de 3.º da ESO na porta de Cíes.

 

 

 

 

 

 

 

Despois dun pequeno tempo libre e de lecer, no que o alumnado gozou como se merece da Praia de Rodas, chegou o momento de formar os grupos para participar na xincana intercentros. Trátase dunha proba por equipos, na que non só se puxeron a proba os coñecementos adquiridos sobre as Cíes, senón tamén o traballo en equipo, a creatividade e as ganas de pasalo ben.

E fixémolo! O noso alumnado, rebautizado por eles mesmos como as “Fanecas bravas”, realizou con vitalidade, e de xeito moi competente, as probas propostas pola organización. Houbo respostas, creación de lemas, formación de letras empregando os corpos, bailes e mesmo cancións en coreano!, tal como o estades a ler!, e todo con bo humor.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Por suposto, o esforzo non quedou sen recompensa, e as nosas “Fanecas” foron os gañadores da proba por equipos. Os nosos máis sinceros parabéns a todos eles polo seu traballo e saber facer.

Agora, só queda plasmar o seu talento artístico e creativo nun vídeo que promocione a candidatura das Cíes a Patrimonio da Humanidade. Outra vivencia que, sen dúbida, engrosará o rico currículo de experiencias desenvolvidas a raíz deste proxecto.

Como di o lema das “Fanecas bravas”: “Cíes é a mellor!, Patrimonio por favor!”.

Comments are closed