O Quiñones regueifando

O noso alumnado de 1.º e 3.º da ESO ten a oportunidade de participar no obradoiro de regueifas impulsado polo SNL do Concello de Vigo e dirixido polos grandes mestres Luís “O Caruncho” e Pinto de Herbón. Este obradoiro consta de dúas sesións formativas (e lúdicas, por suposto) e a participación no Certame de regueifas.

Hoxe asistimos á primeira destas sesións, que deu comezo con moita expectación por parte dos rapaces e das rapazas.

Os regueifeiros, tras presentarse, ofreceron unha excelente explicación da orixe do termo “regueifa”, explicaron as diferentes denominacións que reciben estas coplas noutros lugares do mundo e tamén nos ensinaron as características destas coplas (rima, ritmo…), todo isto sen faltar a melodía da zanfona como base.

A seguir, puidemos practicar a melodía coas coplas dos regueifeiros, pero en nada foi o noso momento: tivemos que pensar algunhas coplas entre todos coas indicacións que nos ían dando.

Se queredes escoitarnos, só tedes que premer a seguir: copla do alumnado.

Despois de cantar as nosas coplas, foi o momento do traballo individual. Déronnos unhas consignas para elaborar coplas e así sentirnos como verdadeiros regueifeiros. Non é tan sinxelo como parece!

Seguiremos matinando sobre este tema tan noso mentres esperamos pola segunda sesión!

Comments are closed