Obradoiro de aforro e previsión social

Da man da Fundación MAPFRE, o noso alumnado de 1.º e 3.º da ESO participou nun obradoiro de aforro e previsión social. Os obxectivos deste obradoiro eran dous: concienciar o alumnado sobre a importancia do aforro e a previsión de futuro como medida de protección fronte aos riscos que poidan xurdir e proporcionar ferramentas para convertirse en cidadáns autónomos e informados de cara a unha mellor xestión dos riscos que poidan encontrar ao longo da vida.

As clases dividíronse en grupos que representaban unha familia e cada alumno era un membro desa familia (avoa, avó, nai, pai, filla e fillo). Cada membro, a través dunha proba, tiña que atopar un marcador, que servía despois ás familias para poñer en funcionamento un software de realidade aumentada nunha tableta.

As probas foron moi dinámicas e potenciaron o sentimento de grupo, xa que o resto da súa familia podía decidir facilitarlles o desenvolvemento da proba ou arriscar a situación.

Tiveron que manexar con moito tino as tabletas, para poder superar as probas e aplicar os coñecementos que lles ía transmitindo Noelia, a guía do obradoiro.

Traballaron conceptos como responsabilidade civil, economía familiar ou a importancia do aforro e a planificación.

Estes grupos tiveron unha xornada diferente, na que aprenderon e afianzaron coñecementos desde un enfoque lúdico.

Comments are closed