Pequeciencia: a importancia de lavar ben as mans

Dende ben pequenos, a todos nos repetiron unha e outra vez que antes de comer había que lavar ben as mans. Quen non lembra a súa nai, o seu pai ou mesmo os avós dicindo antes de cada comida: “Lava ben as mans”? Esa pequena frase vai facendo que vaiamos adquirindo pouco a pouco ese hábito da nosa hixiene: lavar as mans antes de tocar a comida. Pero por que é tan importante? Que ten que ver iso de lavar as mans coa comida? E coa hixiene e a prevención de enfermidades?

Dentro do campo da educación para a saúde, no cole pensamos que os hábitos de hixiene temos que adquirilos dende ben pequenos, e ademais da forma máis lúdica e visual posible, para que os nosos descubrimentos se convertan en aprendizaxe e esta reforce as nosas rutinas diarias no que á saúde se refire.

Por iso, para facer ver ao noso alumnado a importancia que ten para a nosa saúde lavar ben as mans con xabón antes de tocar alimentos, co fin de previr enfermidades, optamos por facer un experimento de laboratorio para que eles mesmos chegasen ás súas propias conclusións sobre o tema.

Así que os grupos de tres, catro e cinco anos de educación infantil fomos ao laboratorio para comprobar experimentalmente que ten que ver iso de lavar as mans coas enfermidades.

Comezamos aprendendo que as bacterias e os virus están por todas as partes, e mesmo que moitas delas son boas, pero outras non tanto e son as responsables de producir as enfermidades. Por quendas, o alumnado foi falando da súa experiencia coa enfermidade, sobre que nos ocorre cando estamos enfermos, como nos sentimos, que nos doe, etc.

Despois fixemos unha pequena proba cunhas “bacterias” un pouco máis grandes do normal (xa que as de verdade non somos quen de velas a simple vista). Puxemos nun prato uns graniños de especias a modo de bacterias ficticias, e comprobamos que pasa cando tocamos as cousas que empregamos acotío na clase: as bacterias quedan pegadas aos nosos dedos!

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Alumnado de tres, catro e cinco anos comprobando como quedan pegadas as bacterias ás nosas mans.

 

A continuación, cos dedos cheos de “bacterias ficticias”, reflexionamos e traballamos a formulación de hipóteses, pensando que vai acontecer con esas bacterias das nosas mans se tocamos a merenda. O noso alumnado acertou axiña co que pasaría, que se pegarían á nosa comida e despois tragariámolas incrementando o risco de enfermar. Pero, por se quedaba algunha dúbida, tocamos un bocadillo de broma feito con plastilina, e alí estaban xa as bacterias que antes estaban nas nosas mans.

Deseguido puxemos nuns pratos auga coas bacterias ficticias feitas de especias e comezamos o experimento.

Por quendas, fomos botando nun dedo dos alumnos unha pinga de xabón de mans, e observamos que acontecía coas bacterias cando tocamos a auga chea de bacterias co xabón. Marchan todas! Afástanse do xabón de súpeto! Como podedes comprobar nos seguintes vídeos:

https://drive.google.com/open?id=1Tp_SR9QV5v6xH8embJe-wWphp8IKrwDA

https://drive.google.com/open?id=1yFFTbEbl6shNvOIJbIW_2pwmXmVvHkb0

https://drive.google.com/open?id=1I2I-Re058rpWUdF-kM0oCGKYjBGE9wlv

Deste xeito tan sinxelo ningún deles quedou con dúbidas, e comprobou experimentalmente que o xabón é un medio moi eficaz para eliminar as bacterias das nosas mans. Aprendemos non só a formular hipóteses, senón tamén a ver e entender o porqué da importancia desa rutina de lavar as mans que seguimos todos os días despois de subir do patio e antes de tomar a merenda.

Con experimentos sinxelos e divertidos imos introducindo o noso alumnado no mundo da ciencia ao tempo que facemos educación para a saúde.

Estade atentos que neste curso haberá moita máis “pequeciencia”.

Comments are closed