Proxecto Vigo literario 2017

O noso alumnado de 4.º da ESO participou esta semana na actividade organizada pola Concellería de Normalización Lingüística de Vigo: Proxecto Vigo literario.

O obradoiro comezou cun percorrido por numerosas obras literarias nas que a nosa cidade, Vigo, é a protagonista. Así, os nosos alumnos viron que a súa cidade é tan internacional como poden ser Nova York ou París.

Falamos de Xulio Verne e o seu Vinte mil leguas baixo dos mares, no que dedica un capítulo completo á nosa cidade, que visitaría anos despois. A propósito deste autor, tamén falamos de Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, de Ledicia Costas, novela inspirada nunha das viaxes do autor a Vigo. Continuando coa presenza da cidade na literatura, destacamos obras como Adiós, María, de Xohana Torres; Ollos de auga, de Domingo Villar; Os fillos do mar, de Pedro Feijoo; Cemiterio de elefantes, de Fran Alonso, ou Unha historia que non vou contar, de Cid Cabido.

Paseamos da man destes autores polas rúas da cidade e coñecemos edificios emblemáticos, cines e monumentos que de seguro provocaron a necesidade de ler estas novelas.

A seguir, foi o momento de acción dos alumnos e alumnas. Traballaron coa rede social de cartografía Ikimap. No mapa da cidade tiveron que situar diferentes localizacións das novelas Os fillos do mar e Ollos de auga. Tiveron que facer uso dos seus coñecementos dos lugares da cidade e de buscadores en Internet para descubrir onde se situaban os personaxes da novela.

Foi unha actividade lúdica, que axudou a que coñecésemos un pouco máis a cidade onde vivimos.

Comments are closed