SAÍDA AO MERCADO DO CALVARIO

O pasado xoves, día 1 de marzo, os nosos alumnos de 4.°de primaria tiveron a oportunidade de visitar o mercado do Calvario. Aproveitando que está moi preto do noso colexio, foron camiñando. Foi unha mañá chuviosa e tanto á ida como á volta compartiron os paraugas.

O mercado do Calvario está nunha zona de carácter obreiro na parroquia de Lavadores que comezou a converterse na arteria singular que hoxe é. Situado en plena rúa peonil, nunha das zonas de compras con máis vida de Vigo, este mercado é bulicioso e divertido.

Cando chegaron, non había moita xente. Coñeceron os diferentes produtos que se venden no mercado, tanto os de tempada (froitas e verduras) como peixes, carnes, etcétera.

Nos postos do peixe, puideron ver chocos, salmóns, peixes rei… E na carnicería, a dona dun dos postos ensinoulles unha caveira dunha vaca.

No piso de arriba había postos de verduras e froitas, con lombardas, plátanos, kiwis… E unha florería con iris, rosas, camelias, papoulas, tulipáns…

Chamoulles a atención que a maioría das persoas que vendían peixe eran mulleres, e nas carnicerías abundaban os homes. E, con respecto aos prezos, estes parecéronlles moi económicos. E todos estiveron de acordo co bo xénero que tiñan.

Ao alumnado gustoulle moito a saída e, ao día seguinte, plasmárona nun debuxo.

Comments are closed