Semana da ciencia: Primeiro experimento de Educación Infantil

Como xa sabedes, esta semana no cole estamos a desenvolver a Semana da Ciencia, na que participan de forma activa tódalas etapas educativas. E onte, o alumnado de Educación Infantil comezou no laboratorio coa primeira das experiencias programadas: un experimento de flota ou afunde no que fomos experimentando con distintos contidos científicos coma a formulación de hipóteses, e a comprobación experimental das mesmas; ou o pensamento analítico e reflexivo para analizar os achados.

Comezamos enchendo un recipente transparente con auga e de seguido, por parellas, fomos escollendo diversos materiais para experimentar. Coa axuda dunha balanza visual, comprobamos cal dos elementos seleccionados pesaba máis. Posteriormente formulábamos a hipótese de cal deles pensabamos que afundiría ou flotaría, e a experimentar para comprobalo!

Despois de que todo o alumnado fixese as súas achegas, pasamos a avaliar os resultados. Clasificamos os obxectos flotantes segundo a súa forma e comprobamos que flotaban tanto elementos redondos, esféricos como cadrados e rectangulares. Tamén comprobamos se a flotabilidade estaba relacionada coa cor, coa dureza, co tamaño … e así ata descubrir o papel do aire na flotación e da flotabilidade dalgúns materiais.

Nunha segunda parte da experiencia, presentamos elementos de laboratorio para ampliar o noso vocabulario científico. Coa axuda do axitador magnético, preparamos unha disolución de sal en auga na que mergullamos tacos de madeira para contrastar a súa flotabilidade en auga salgada fronte a de auga doce. E as evidencias mostraron que na auga salgada as cousas flotan máis.

Ademáis de aprender, todos quedaron abraiados ao ver o tornado que se formou no vaso co funcionamento do axitador magnético, como podedes comprobar no seguinte video.

https://drive.google.com/file/d/1VfjB1GLr7N83NTIcTEOLKOBOGrUd48rU/view?usp=sharing

O alumnado gozou con este primeiro experimento, Nestes días vos iremos contando  o que facemos nas seguintes experiencias científicas desta semana tan significativa e divertida.

 

Comments are closed