Visita á Feira de Ensinanzas Artísticas e Profesionais

O pasado luns 25 de marzo o alumnado de 4.º da ESO asistiu á V Feira de Ensinanzas Artísticas e Profesionais de Vigo, que se celebrou no recibidor do Auditorio Mar de Vigo.

Estas xornadas están dirixidas a todos aqueles que queren coñecer algunha saída laboral próxima ou futura, pero, sobre todo, teñen como obxectivo fundamental axudar e dar a coñecer ao alumnado dos últimos cursos da ESO, Bacharelato e ciclos da formación profesional, os distintos oficios relacionados co peiteado, o deseño de moda, a xoiería e a hostalería, entre outros, mediante uns stands de distintas escolas de formación da cidade e a súa contorna.

Atopábanse representados a Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, a Escola de Artes e Oficios de Vigo, a Escola de Imaxe e Son de Vigo (EISV), a Escola de Azafatas e Tripulantes de Cabina de Pasaxeiros de Vigo Air-Hostess, a Escola Superior de Deseño e Moda Goymar-Vigo e a Escola Europea Parasanitaria.

O noso alumnado puido participar en obradoiros e actividades propostos por máis de 24 centros formativos de múltiples especialidades: maxisterio, restaurador de bens culturais, idiomas, música, teatro, danza, auxiliar de voo, deseño de moda, deseño gráfico, deseño de xoias, xemoloxía, cociña, imaxe e son, hípica, esgrima, repostería, peiteado, cerámica, baile, camareiro, actor, dirección de escenas, electrónica, etc.

Agora os nosos alumnos e alumnas poderán meditar cun pouco máis de coñecemento sobre o seu futuro académico e laboral.

Comments are closed