Visita de An Alfaya

Este mes de maio o alumnado de 1.º, 2.º e 3.º da ESO tivo a oportunidade de coñecer a escritora An Alfaya.

Durante este curso puidemos gozar coa lectura de tres títulos desta autora, en 1.º da ESO lemos O fío vermello; en 2.º, Illa Soidade, e en 3.º, A sombra descalza, os tres títulos publicados pola Editorial Xerais.

Para aqueles que aínda non lestes estas obras, deixámosvos uns pequenos resumos feitos polo noso alumnado, para que vaiades elixindo a orde na que as ides ler:

  • O fío vermello é unha historia sobre a verdadeira amizade e que enxalza o valor das relacións familiares. O argumento xira ao redor do mundo da astronomía e é capaz de manter o interese dos lectores máis novos para descubrir que sucederá na noite das Perseidas.
  • Illa Soidade é unha novela realista, na que as protagonistas van dando voz aos seus pensamentos máis íntimos. A dureza descrita nestas páxinas provoca nos lectores as ganas de seguir coñecendo a Soa e a Lucía, e ao resto de personaxes que as rodeaban.
  • En A sombra descalza as protagonistas volven ser mulleres. Os lectores podemos ir descubrindo, a través da muller máis nova, os segredos dunha familia que se foron creando nunha época dura como foi a guerra civil.

En colaboración co departamento de plástica, decidimos reflectir de xeito artístico o que os libros significaron para nós. Aquí vos deixamos unha mostra da creatividade do alumnado:

Dous dos nosos alumnos fixeron un gran traballo como entrevistadores. Prepararon unha pequena presentación da autora e a seguir deron paso ás múltiples preguntas que foron xurdindo durante os meses de lectura.

A autora compartiu con nós case dúas horas de conversa. Descubriunos algúns segredos destas novelas, como naceu a idea para escribilas ou a importancia dalgúns personaxes. E o mellor da sesión e co que quedaron os nosos alumnos e alumnas foi o ánimo que An Alfaya lles deixou para que loiten polos seus soños e nunca os abandonen.

Despois de gozar coa súa conversa e as súas aventuras, os alumnos e as alumnas pedíronlle se lles podía asinar os libros, e por suposto que respondeu afirmativamente.

Moitas grazas por visitarnos, An!

Comments are closed