X Certame Escolar de Regueifas

O 27 de abril tivo lugar o X Certame Escolar de Regueifas, no que tivemos a sorte de participar. En representación do Quiñones de León, estiveron estas cinco regueifeiras e este regueifeiro que ían con moitas ganas de gozar da experiencia e pasalo moi ben.

Este xeitoso grupo nunca tivera relación coas regueifas antes de asistir aos dous obradoiros no colexio guiados por Luís o Caruncho e Pinto d’Herbón. No segundo obradoiro decidiuse que serían Paula, Ananda, Laura, Delia, Carla e Roque os participantes no certame.

Ensaiamos o que puidemos nalgúns recreos e traballaron moito nas súas casas, con rimas e con versos de arranque que entre todos fomos creando.

E chegou o gran día, cheo de medos, para as regueifeiras e regueifeiros, e cheo de nervios para o público, que non deixou de animar.

Os participantes do Quiñones pasaron todos a dura proba de improvisar as coplas coas indicacións dos guías do certame:

Certamente, hai futuro para a lingua e para manter as tradicións. Puidemos comprobar como estes máis de cen mozos son quen de pensar e cantar en cuestión de minutos unha copla improvisada. Houbo un nivel moi bo entre o estudantado.

O xurado xuntouse para seleccionar un grupo duns vinte rapaces e rapazas que pasasen ás semifinais. Aí recibimos unha grata sorpresa, unha das nosas alumnas estaba clasificada.

Os regueifeiros e regueifeiras volveron demostrar a súa valentía e fixeron coplas orixinais, ben medidas, excepcionalmente cantadas… Para o xurado tivo que ser de novo complicado seleccionar só catro persoas de entre todas.

E, cando deron os nomes dos finalistas, non puidemos facer outra cousa que saltar de ledicia, a nosa alumna Carla Capeáns estaba entre eles.

Os finalistas demostraron con afouteza como regueifan as novas xeracións e amosáronnos a todos que teñen moito que dicir.

Desde o colexio non podemos estar máis orgullosos dos nosos regueifeiros e regueifeiras, polo seu esforzo, pola súa implicación, pola valentía que demostraron, por deixar a un lado a vergoña e subir ao escenario, por crer neles mesmos…

O próximo ano esperamos que nos volvan convidar ao certame xa que foi unha experiencia inesquecible para todos os que alí estivemos.

Se premedes aquí, poderedes ver a parte final do certame.

Comments are closed