Un ano máis, os alumnos de educación primaria continúan coa tarefa de aprender sobre xornalismo. E foi así como elaboraron un xornal do noso centro.
Comezaron polo mes de novembro. Daquela, entre todos, alumnos e mestres, decidimos as seccións que ía ter o xornal e puxémonos man á obra. Falamos de deporte, da importancia dun estilo de vida saudable. Entrevistamos personaxes de actualidade da nosa cidade. Investigamos sobre as empresas pequenas e o seu traballo. Fixemos enquisas sobre o consumismo. Desmitificamos o lobo. Elaboramos pasatempos moi divertidos, e ata traballamos nun estudio de gravación! Unha chea de artigos, que, cun previo traballo de investigación, redacción e maquetación, fixeron posible o xornal.
A nosa maior recompensa foi telo nas nosas mans impreso. Pero, inda por riba, na entrega de premios desta IV Edición do Faro da Escola 2018-2019, fomos galardoados co 2.º premio ao “Mellor Uso das Novas Tecnoloxías”. Que ilusión nos fixo a todos!
O acto tivo lugar no pavillón das Travesas. Mentres esperabamos pola chegada de todos os centros participantes, houbo animación e xogos.
Ás 11:00 horas comezaba o acto, coa presenza do alcalde e a presidenta da Deputación de Pontevedra, que felicitaron os rapaces polos seus traballos. E, a seguir, déronse os premios en cada categoría: entrevistas, reportaxes, portada, fotografía, tira cómica…
Temos que dar as grazas aos nosos colaboradores, xa que, sen eles, non poderiamos elaborar o xornal:
- A banda musical viguesa Broken Peach.
- A actriz viguesa Marta Larralde.
- Gloria Barcia, propietaria da tenda artesana de moda Saias Ledas.
- A Moisés Barcia, encargado da Editorial Rinoceronte.
- Carlos Veleiro e Dj Charlie, locutores da cadena Vía Radio Vigo.
E como non, a mestres e alumnos que, co seu traballo, publicaron, un ano máis, un xornal do máis completo e divertido.
Parabéns a todos!!