Hoxe pola mañá os nosos leonciños e leonciñas visitaron a Biblioteca Xosé Neira Vilas. Saíron ben cediño do colexio, acompañados polos seus profesores e tamén por algúns familiares que quixeron compartir connosco esta xornada.
Chegaron, tras un marabilloso paseo pola cidade, á biblioteca, onde entraron moi tranquilos.
Alí, coñeceron a unha bibliotecaria que achegou os nosos cativos ao marabilloso mundo dos libros. Escoitaron os contos con moita atención, seguiron todas as súas indicacións e tamén coñeceron diversos costumes e xeitos de saudar de moitos países.
Despois desta sesión todos os leonciños puideron escribir cadansúa postal. Non sabedes con que atención o fixeron!
E, para rematar, quedoulles un anaco de tempo para elixir os seus propios títulos e gozar coa súa lectura, non só dos textos, senón tamén das imaxes.
Este é un espazo único na nosa cidade, con títulos que nos axudan a voar e cunhas bibliotecarias sen comparación. Seguro que as leonciñas e leonciños volverán!