O 15 de febreiro chegou con moitos nervios e emoción para o alumnado de 1.º e 3.º da ESO. Uns ían participar no XI Certame Escolar de Regueifas, e outros iamos animar os nosos compañeiros e compañeiras e a todos os participantes.
Algunhas regueifeiras xa participaran na edición anterior do certame, pero para os demais era a primeira vez. E, como bos leóns e leoas que son, todos subiron ao escenario a dar o mellor deles mesmos.
E así, foron chamando por eles, os presentadores Luís O Caruncho e Pinto de Herbón. Os nosos leóns e as nosas leoas saíron a cantar primeiro a copla de presentación, que levaban preparada, pero a seguir xa comezaron a improvisar, e con que arte!
Estamos seguros de que queredes oír a estes artistas do verso improvisado, así que só tendes que premer nas seguintes ligazóns:
Regueifeira 1 Regueifeira 2 Regueifeira 3 Regueifeira 4 Regueifeira 5 Regueifeiro 6 Regueifeira 7 Regueifeiro 8 Regueifeiro 9
E tras esta primeira quenda, na que todos os participantes demostraron o seu nivel de regueifeiros, deron os nomes dos que pasaban á semifinal, entre os que estaban dúas das nosas alumnas! Que alegría sentimos por elas!
Déixamosvos unha mostra da semifinal tamén, podedes premer aquí para vela: semifinal.
E un bo resumo do que sucedeu neste XI Certame de Regueifas podedes velo se premedes aquí. Esperamos que gocedes tanto como fixemos nós.
Estamos orgullosos destas leoas e destes leóns! Agora é o momento de seguir coñecendo as nosas tradicións e de seguir aprendendo!