A Semana do Libro celebrouse este ano no colexio dunha maneira “espacial”. Coa temática do universo, os nenos de todo o cole, desde Infantil ata a ESO, fixeron actividades relacionadas coa lectura, coa finalidade de fomentala entre os máis cativos, e que, así, descubran as súas marabillas.
Como actividade común para todo o cole fixemos un gran mural no que contestabamos unha pregunta: “Se foses un personaxe de conto, quen che gustaría ser?”. Os nenos anotaron as súas respostas nunha estrela para formar, entre todos, un grande universo de personaxes. Tamén deseñamos marcapáxinas, lemos contos aos compañeiros e investigamos sobre a procedencia dalgúns contos e situámolos nun mapamundi. Unha das actividades que máis gustou foi o apadriñamento lector; algúns simpáticos alumnos da ESO viñeron á biblioteca do cole e contáronlles contos aos rapaces máis cativos. Mirade que ben o pasamos!
Por último, pero non menos importante, celebrouse un concurso literario, no que os alumnos participaban en dúas categorías: poesía e conto. Aquí están os gañadores: Gerard C. e Tino E. de 1.º de Primaria, e Portia M. de 4.º de Primaria. Tamén as súas creacións! Parabéns artistas!