Día da Paz 2020

“Din que nun país moi afastado, nun precioso val, existía un pobo rodeado de bosques que, como todos os pobos, tiña unha praza. Din tamén que no centro da praza había unha árbore enorme que todos coñecían como a Árbore da Palabra. Contan que os nenos e as nenas do pobo, ao atravesar a praza para ir á escola, preguntábanse de onde viña o seu nome. Preguntáronllo á mestra, pero esta non lles puido contestar porque, cando ela naceu, a árbore xa estaba alí. Tiñan tanta curiosidade que un día a profesora convidoulles a que preguntasen aos seus pais e nais, aos seus avós e avoas e a todas aquelas persoas que puideran coñecer a procedencia dun nome tan estraño para unha árbore. Todos os nenos e nenas entusiasmáronse coa idea porque xa sabedes que a todos os nenos e nenas do mundo encántalles investigar. Imaxinádevos cal sería a súa sorpresa cando comprobaron que nin os pais, nin as nais, nin as avoas nin os avós, nin ninguén do pobo podía sacarlles da dúbida porque tamén, cando eles naceron, a árbore estaba alí. Contan que un día, un dos anciáns do pobo sentou baixo a árbore, en busca dalgún sinal que lles aclarase o misterioso nome. Non a atopou, pero si comprobou que ao seu redor íanse xuntando outras persoas que nin sequera se coñecían entre si, nin sabían como se chamaban e que falaban unhas con outras, contándose mil historias.

A partir de entón, cando algunha persoa necesitaba que alguén a escoitase, acudía ao centro da praza porque sabía que sempre atoparía baixo a árbore a algún veciño ou veciña con quen falar. Aos poucos, o tempo pasou e deixaron de preguntarse pola orixe do nome, porque descubriron que á sombra da árbore podían falar, ser escoitados e compartir todo aquilo que lles preocupaba. Contan tamén, que ao coñecerse a noticia todos os pobos dos arredores plantaron unha árbore no centro das súas prazas e que, a partir de entón, en todo o val e en cada un deses pobos existe un lugar onde a xente reúnese para DIALOGAR.”

A través deste curto conto da colección “Por preguntar que no quede” de Aula Intercultural, centramos as actividades do Día da paz deste ano.

Vivimos un momento no que os nervios están a flor de pel e xorden entre o noso alumnado, no día a día, pequenos conflitos froito deste estado de nerviosismo. Por iso quixemos darlle un valor importantísimo ao diálogo como ferramenta para solucionar dunha maneira saudable todas estas situacións.

Proporcionóuselle ao noso alumnado unha folla totalmente negra na que, a medida que ían riscando para escribir a súa palabra elixida, ían descubrindo, para a súa sorpresa, brillantes cores. Deste xeito se lles fixo reflexionar sobre o feito de que non nos podemos quedar na superficie da xente, que hai que profundar máis para coñecelo, que detrás dunha fachada fea ou arisca pódese atopar alguén que, se nos molestamos en coñecer mellor, pode chegar a ser o noso amigo.

A nosa intención é que a nosa Árbore da palabra, se traslade en breve a unha localización definitiva para que o noso alumnado goce dun espazo reservado para dialogar e resolver así as súas diferenzas a través do diálogo. Pero mentres podedes desfrutar del na entrada do noso centro e admirar a variedade de palabras escollidas polos rapaces e rapazas nas tres linguas coas que traballamos.

Retazos da Árbore da Palabra

 

Xa que, polas circunstancias que todos coñecedes non puidemos facer un gran acto, optamos por facer pequenas actividades pero variadas e adaptadas ao momento madurativo dos nosos estudantes.

Deste xeito, o alumnado de 1º de Primaria elaborou unha coroa da paz e traballou sobre o poema de Melba Nidia Fernández “Mensaxeiro da Paz”, traducido á lingua galega, co que se animaron a facer o seu pequeno recital do que podedes atopar unha pequena mostra no vídeo.

Coroa da paz elaborada polos estudantes de 1º de Ed. Primaria

Mensaxeiro da paz

O alumnado de 2º, 3º e 4º realizaron diversas actividades en varias materias, dende pasatempos a trabalinguas, pasando por manualidades ou lecturas sobre personaxes que loitaron en prol da paz.

Alumnado de 3º de Ed. Primaria coa súa coroa

Alumndo de 4º de Ed. Primaria elaborando unha pomba da paz con pratos de papel e lendo biografías de grandes figuras que loitaron pola paz

En 6º, como alumnado senior de Ed. Primaria que son, centraron o seu traballo na lectura das biografías de tres grandes personaxes: Nelson Mandela, Martin Luther King e Anna Frank. Elaborando tamén, unha liña temporal sobre as mesmas. Tedes unha mostra destas lecturas, da Editorial  , no vídeo.

Lendo vidas de heroes

O máis movido foron as actividades levadas a cabo na materia de música, xa que se traballou sobre dúas cancións: o alumnado de 1º, 2º e 3º de Ed. Primaria bailando “Una receta de paz”, e os estudantes de 4º, 5º e 6º de Ed. Primaria acompañando con percusión corporal a coñecidísima Jerusalema. De ámbalas dúas actividades deixámosvos aquí unha mostra.

Una receta de paz

Acompañamento rítmico de Jerusalema

Na materia de lingua inglesa, a actividade estaba centrada en promover a lectura coma un momento para relaxarse e estar en paz todos xuntos. Un momento no que podemos desfrutar de aventuras, viaxes e soños  e incluso, por qué non aprender novas linguas. Para todo isto, elaboraron un marcapáxinas que lles axudará a ter a súa lectura da aula sempre localizada para poder desfrutar da historia onde a deixaron o día anterior.

Alumnado de 1º de Primaria cos seus marcapáxinas

Marcapáxinas dos estudantes de 2º de Ed. Primaria

Alumnado de 3º de Ed. Primaria cos seus marcapáxinas

Marcapáxinas do alumnado de 4º de Ed. Primaria

 

 

Agora queda o traballo diario para poder, pouco a pouco e entre todos, acadar unha normalidade coma a de antes, ou mellor.

Coma sempre, agardamos que vos gustara.

Comments are closed