Excursión fin de curso Primaria

O pasado 21 de xuño todo o alumnado de Educación Primaria foi de excursión de fin de curso ao Ecoparque Atalaia de Cotobade. Foi unha magnífica forma de pechar este curso escolar no que tanto se esforzaron e aprenderon.

O alumnado de primeiro, segundo e terceiro de primaria, dividiuse en dous grupos, e acompañados polo profesorado e os monitores das instalacións, realizou unha visita a granxa, onde tocaron e deron de comer aos animais; á horta, na que plantaron xirasoles, crearon un xardín vertical e visitaron un invernadoiro; e realizaron un paseo a cabalo. Foi do máis divertido. No seguinte video tedes unha mostra do ben que o pasamos.

Pola súa parte, o alumnado de cuarto, quinto e sexto de primaria tivo neste tempo a súa dose de deporte e aventura. Visitaron as instalacións de xogos e aventura, onde escalaron no rocódromo, superaron percorridos cheos de obstáculos, e mesmo xogaron a un futbolín humano. Despois foi o turno de practicar o tiro con arco, e non estivo nada mal a práctica deste deporte! Por último, pasaron un bo rato de diversión e adrenalina lanzándose por unha tirolina de aventura, que percorre o monte circulando entre árbores. Eso sí, todos ben equipados e seguros! Aquí vos deixamos imaxes dese último día de cole tan divertido, festivo e aventureiro.

Rematado o curso, só nos queda dar as grazas ao alumnado polo seu traballo, alegría e esforzo no día a día, e por suposto, a vos familias, por acompañarnos un ano máis e permitirnos ter o privilexio de compartir a educación dos vosos fillos e fillas. Foi un pracer estar con vos! Feliz verán a todos e ata pronto!

 

Comments are closed