Os máis cativos do cole celebraron este magosto tan singular dun xeito especial, cos elementos propios desta festa como protagonistas.
O alumnado da clase de tres anos estivo traballando de varias formas ben distintas, desde facer unha divertida castaña con todas as partes da cara no sitio, ata crear un simpático rato empregando unha castaña como corpo.
Pola súa banda a clase de catro anos traballou esta celebración elaborando o tradicional cornete de papel de periódico con castañas asadas, e agudizando o inxenio para transformar unha castaña nun simpático caracol.
E o alumnado de cinco anos traballou as cores e os elementos do outono e do magosto combinándoos nun traballo artístico, e facendo un cornete para levar castañas coa imaxe da castañeira. Non hai dous iguais!
Agardamos que o vindeiro ano poidamos ir a cumprir a nosa tradición de magostar ao monte, para gozar da natureza nesta época do ano, e desta festa popular tan típica de Galicia.