As limitacións de mobilidade ás que nos obriga o confinamento destes días, non impide que poidamos viaxar coa imaxinación, e mesmo planear esas viaxes que nos gustaría facer cos nosos seres queridos.
Por iso, e para traballar de forma global as competencias do alumnado, nas tarefas destes días os nenos e nenas de 5º e 6º de Educación primaria estiveron imaxinando que lugar lles gustaría visitar, facendo unha labor de documentación sobre o seu destino, planificando a viaxe, e mesmo elaborando diferentes produtos finais como trípticos ou vídeos sobre a mesma.
Aquí tedes algunhas das propostas que recibimos para viaxar este verán, iso si, dentro do territorio nacional, ou da propia comunidade autónoma, que por tela máis preto soe ser a gran descoñecida.
Comezando polo máis próximo, Raúl de sexto de Educación Primaria preséntanos a súa viaxe polas catro provincias galegas. O vídeo que realizou non ten desperdicio, e está documentado ao milímetro. Bravo Raúl! Así que se precisades ideas para viaxar por Galicia, collede lapis e papel que aí van unhas cantas! So tedes que picar na seguinte imaxe para ver o vídeo.
O alumnado de 5º de Educación Primaria avanzou algo máis na desescalada e expuxo viaxes polo territorio nacional.
Marelis decidiu que o seu destino sería Bilbao, e nos deixa este tríptico coa información que recolleu, e no que emprega xa os editores de texto. Ben feito!
Pola súa parte, Macarena documentou a súa viaxe a Tenerife, e Iván a Andalucía, e aquí tedes os seus respectivos trípticos feitos con agarimo.
Xa vedes que doado é viaxar coa imaxinación, e coas ferramentas web e bibliográficas dispoñibles, podémonos documentar a fondo para planificar a nosa viaxe ideal.
Se estas suxestións non vos encaixan, deixade voar o voso maxín e animádevos a facer as vosas, veredes todo o que se aprende!