O alumnado de cuarto de Educación Primaria estivo estes días traballando a lingua inglesa e a súa creatividade dun xeito divertido e motivador: mediante o uso de cómics.
Polas súas potentes capacidades narrativas, que combinan a imaxe e o diálogo para contar unha historia, o cómic estase a converter nunha das tipoloxías de lectura favoritas do alumnado. Por iso, qué mellor forma de aprender a redactar diálogos en inglés que mediante o uso desta particular técnica narrativa?
Ademais do dominio do vocabulario e a gramática en lingua inglesa, ante unha mesma proposta de base, o alumnado saca a relucir a súa creatividade e imaxinación, adaptando as imaxes propostas no cómic á historia que cada quen elabora no seu maxín.
O resultado é fantástico. Como non hai unha soa resposta correcta, senón que todas as propostas son válidas, ademais de reforzar as competencias na lingua estranxeira e a creatividade, esta metodoloxía potencia a motivación do alumnado e contribúe ao seu gusto pola creación narrativa. E todo isto nótase día a día no seu progreso escolar e no crecemento persoal.
Grazas por compartir o voso traballo!