Semana da Ciencia

Os navegantes antigos, que tamén somos nós, guiábanse polas estrelas, que parecían ser sempre as mesmas porque os mares tamén o eran. Houbo que cambiar a perspectiva e, de súpeto, apareceron novas figuras no ceo. Na ciencia, o ollo do navegante é tan importante como a propia Natureza, sempre esquiva como xa intuíron os escépticos gregos.

Na Semana da Ciencia abrimos un pouco máis eses ollos e cambiamos un pouco de posición para entender vellos feitos con miradas novas. En Infantil, os cativos/as aprenderon algunhas ideas básicas da exploración espacial, como que para saír da Terra o foguete necesita un sistema de propulsión que lle permita escapar da gravidade. E houbo que probar con diferentes aditivos, que eles mesmos/as testaron. Aprenderon un pouco da historia da exploración do espazo e, como non, construíron e decoraron o seu propio foguete e simularon a súa propulsión cun fío, unha cana e un globo. Podedes ver os vídeos aquí:         3 anos, 4 anos, 5 anos.

Como a tecnoloxía no é só o recente, os leonciños de 5 anos tamén construíron un muíño de auga co material de clase e tapóns de refugallo. Podedes velo aquí.

En 3º de Primaria escollemos a tecnoloxía dos aparellos usados polos humanos para orientarse. De todos aqueles dos que falamos, escollemos o compás por ser o máis coñecido e porque a súa tecnoloxía emprégase en moitos aparellos de orientación. Creamos, como non, o noso compás caseiro cun alfinete, unha caixa, un disco pequeno de cortiza, unha goma, un imán de neveira e un pouco de auga. Unha vez construído, como bos científicos/as comparamos a orientación sinalada co noso compás coa dun compás de verdade. E resultou!

En 6º de Primaria mergullámonos, traballando cun cómic, na historia das grandes mulleres, que foron moitas.

En 2º ESO (A e B) viaxamos entre inventores e inventoras e descubrimos que a xenialidade, nos mundos máis xustos, non distingue de sexos.

En 3º ESO fixemos un concurso con novas tecnoloxías (Kahoot) pero antigas mulleres sabias.  María e Hannah amosáronnos a atribulada vida de Galileo e o seu proceso pola Inquisición. Non sempre calquera tempo pasado foi mellor.

En 4º ESO, máis prosaicos, aprendemos cunha versión propia de “Quen quere ser millonario?” (ou mellor, “millosabio”) e lanzamos un foguete de auga que non chegou tan lonxe como o telescopio de Galileo. Unha mágoa.

Velaí unhas fotiños:

Comments are closed